Comezan a chegar mensaxes estrañas…

“Quen coida? Quen limpa? Quen organiza?”

Así arrinca Corresponsabilidade, un reto compartido, a nova proposta educativa que chega aos centros escolares. Non se trata só dun xogo, senón dunha ferramenta poderosa para traballar valores esenciais como a igualdade, a xustiza e a equidade no fogar e na sociedade.

Por que falar de corresponsabilidade nas aulas?

Porque aínda que vivimos nun mundo cambiante, a distribución das tarefas domésticas e dos coidados segue recaendo, na maioría dos casos, sobre as mulleres. E moitas veces, estas tarefas –sobre todo as invisibles, como anticiparse, lembrar ou organizar– nin sequera se recoñecen como tal.

Ensinar corresponsabilidade é ensinar respecto, conciencia e compromiso. É facer que as novas xeracións cuestionen os roles de xénero, aprendan a compartir o tempo e o espazo, e construan relacións máis igualitarias. E se isto se pode facer dun xeito lúdico, cooperativo e participativo, o impacto multiplícase.

A experiencia: aprender xogando

Neste escape room, o alumnado mergúllase nunha serie de retos que reproducen situacións cotiás e realistas:
Quen organiza as citas médicas?
Quen se encarga das lavadoras?
Por que sempre é a mesma persoa a que lembra todo?

A través do xogo, descubren conceptos como carga mental, reparto desigual, estereotipos de xénero ou linguaxe sexista. Cada proba require observar, deducir, tomar decisións e –sobre todo– reflexionar.

Non hai moralinas nin discursos: hai experiencias que fan pensar, divertirse e cambiar a mirada.

Un proxecto con implicación familiar

Esta actividade conta coa colaboración das ANPAS, co obxectivo de estender a aprendizaxe máis alá das aulas. Fomentar a corresponsabilidade non só é tarefa do profesorado, senón tamén das familias, da contorna e da sociedade no seu conxunto.

Involucrar ás familias neste tipo de dinámicas axuda a reforzar as mensaxes e a xerar conversas necesarias tamén nos fogares.

Un reto compartido, un cambio posible

A actividade remata cunha mensaxe clara: a corresponsabilidade non é cousa dun día nin dun xogo. É unha maneira de vivir, de coidar e de relacionarse. Repartir de forma xusta implica recoñecer o que se fai, redistribuír as tarefas e comprometerse co benestar común.

Queres que o teu centro forme parte deste cambio?

Contacta connosco e contámosche como levar Corresponsabilidade, un reto compartido ás túas aulas. Estaremos encantadas de adaptar a experiencia ás necesidades do teu centro e de acompañarvos en cada paso.